En menos de dúas semanas xa hai outra cita de atletismo na Costa da Morte anotada no calendario: a cuarta edición da carreira popular De dous en dous, organizada polo Club Atletismo Carballo. Será no municipio carballés, con saída desde a rúa Gran Vía, o vindeiro sábado día 7 de abril a partir das 19.45 horas. Si, a hora de saída está ben, pois unha das características que fan a esta proba especial e distinta ao resto é que se celebra en horario nocturno. Ademais, ten un carácter solidario en beneficio de Cruz Vermella e Cáritas e, como indica o propio nome, dispútase por parellas. Tres aspectos innovadores que resultan moi convincentes para animarse a probala. Pero aínda hai máis. Conta con distintas categorías e traxectos, polo que todo o mundo pode participar, sen escusas, desde os máis pequenos ata os maiores.
Pero hai que darse présa. O prazo de inscrición na páxina web www.carreirasgalegas.com remata dentro de nove días (martes 3 ás 23.59 horas). E para iso non fai falta ter diñeiro no peto, tan só un pouco de solidariedade, pois as inscricións son gratuítas, coa opción non obrigatoria aínda que si bondadosa, de entregar ben un litro ou quilo de bebida e comida non perecedoira, ou ben produtos de hixiene infantil ao recoller o dorsal. Como recompensa, a todos os participantes se lles entregará unha medalla de recoñecemento e haberá trofeos para os tres primeiros de cada categoría. Polo momento hai 59 inscritos.
Fonte: www.lavozdegalicia.es