Organizada polo Club Atletismo Narón, este sábado nace a carreira popular ¡Ferrol corre !. A proba solidaria, que conta coa colaboración do Concello de Ferrol, Decathlon e a Escola Multidisciplinar Gazapo, recolle alimentos para a Cociña Económica da cidade naval.
A xornada dividirase nunha proba para adultos (que conta con 240 participantes) e outras carreiras para nenos de diferentes categorías (360 participantes). Cada un dos 600 inscritos fará como mínimo unha contribución dun quilo de alimentos, que serán doados á Cociña Económica de Ferrol.
A proba para os adultos será unha carreira popular que se realizará nun circuíto de 5.000 metros de distancia que comezará e terminará nas instalacións de Decathlon.
As probas infantís (nas que correrán nenos das categorías de biberóns, prebenjamines, benxamíns, alevíns e infantís) realizaranse dentro do recinto de Decathlon e ao redor da tenda, en varios circuítos dispostos para a ocasión.
Ao finalizar as carreiras, a escola Gazapo organizará xogos e actividades deportivas para os nenos no exterior da tenda.
Samuel Paz, corredor do Atletismo Narón que traballa en Decathlon, organizou todos os detalles. O seu posto permitiulle facer de ligazón entre as partes e coordinar esforzos para lograr que a carreira poida celebrarse.