mércores, 22 de xuño de 2016

CARTEL DE LUXO NA MEDIA MARATÓN PALAS DE REI-MELIDE (Fonte: www.lavozdegalicia.es)

A cuarta edición do media maratón Palas de Rei-Melide, máis coñecida como «Vos 21 do Camiño», celebrarase este sábado ás 18.30 horas. A organización correrá a cargo da Agrupación Deportiva Cerne. Estímase que se pasarán os 620 participantes. Ademais, a proba contará cun cartel de luxo. Lolo Penas, Akka Essaadaoui e Elías Domínguez partirán como favoritos na competición masculina. Na feminina, o abanico amplíase. Paula Mayobre será a máxima candidata, pero María Jesús Gestido ou Raquel Suárez tratarán de espremer as súas bazas.

O trazado sufriu modificacións esta tempada. A organización preferiu redeseñar a carreira, cuxo inicio era duro. Así, a proba desenvolverase por pistas forestais durante aproximadamente un quilómetro e medio para, posteriormente, entrar no Camiño de Santiago.

O terreo é irregular e a chegada é complicada. «Esta carreira é para gozar, non para facer marca», advirte Xavi Varela, un dos seus organizadores. Non en balde, o trazado rompepiernas, con repechos, adoita dificultar a posibilidade de que os atletas manteñan un ritmo constante.

A boa noticia con respecto á pasada campaña é que as previsións meteorolóxicas son máis benignas. A onda de calor sufrida na zona en 2015 propiciou que se incrementasen os puntos de auga e que as condicións fosen complicadas para os participantes.

Outra das novidades que se rexistrará na carreira do sábado será a de cronometrar unha subida que se atopa, aproximadamente, aos 11 quilómetros. É unha ascensión «dura», segundo advirte Xavi Varela. Pero o esforzo terá a súa recompensa. Os tres mellores tempos tanto en homes como en mulleres -exceptuando aos cinco mellores da xeral- recibirán premio. Ademais, catro grupos de música tradicional poñeranlle melodías á competición.

Un dos atractivos de Vos 21 do Camiño é que repartirá premios en metálico para os primeiros clasificados. Outra das novidades que se introducirá este ano será a de cambiar os tradicionais trofeos por unha cesta de produtos típicos da zona. Ademais, a proba está avalada polos participantes en anteriores edicións, que encomiaron á organización.