Quedan só catro días para o pistoletazo de saída do Circuíto Correndo pola Costa da Morte en Camariñas, e as cifras demostran que será o máis exitoso ata o momento. A pesar de ter que ser aprazado o pasado domingo día 11 pola chegada do temporal Félix, a organización decidiu abrir de novo os prazos de inscrición. E o certo é que, como explica o concelleiro de Deportes camariñán, Jose Manuel Canosa, «foi mellor esta data que a outra», pois aínda que houbo algunha que outra baixa por coincidir co inicio das vacacións de Semana Santa, aínda así o número de anotados ascendeu a 58 persoas máis. Así, 889 atletas percorrerán a vila do encaixe este domingo a partir das 10.15 horas desde o porto.
Ninguén perdeu o diñeiro de inscrición, «pois a través da páxina web fixéronse as devolucións pertinentes», polo que todo foron boas noticias.
Canosa destacou outro dato: «No recorrido que aumentaron moitísimo os participantes foi no de tres kilómetros. Animouse moita xente que se está iniciando no mundo do running». Así mesmo, comentou que, polo momento, as previsións meteorolóxicas son perfectas: «Algo de frío, pero sen vento nin auga».