luns, 7 de abril de 2014

CORRE CON IMPLICADAS NA III Carreira Solidaria en Oleiros. (Fonte: www.noticieirogalego.com)

Implicadas no Desenvolvemento organiza, por terceiro ano consecutivo, o sábado 12 de abril ás 16.30 horas a III Carreira Solidaria en Oleiros. Nesta colabora coa Federación Galega de Atletismo a través da súa delegación na Coruña, o Concello de Oleiros e a Universidade da Coruña.
A carreira contará con diferentes categorías que realizarán probas diferentes. Junior, Promesa, Senior e Veteráns sairán as 16.30, seguidos pola andaina, a categoría infantil, cadete e xuvenil, a categoría benxamín e alevín, para finalizar cos prebenxamíns e pitufas.

As inscricións de todas as categorías faranes a través da páxina web wwww.carreirasgalegas.com ata o mércores 9 de abril ás 22.00 horas.  O prezo da inscrición é de 5 euros nas categorías junior, promesa, senior, veterán e na andaina e de 3 euros no resto de categorías. Pódese participar tamén a través do “Dorsal 0”, cun donativo á Implicadas no Desenvolvemento de 1 euro, 3 euros, 5 euros ou 10 euros para calquera que queira colaborar e non poida participar na carreira. A recollida de dorsais poderá realizarse o xoves 10 de abril nas instalacións do INEF ou o mesmo día da proba 30 minutos antes do seu comezo.

A recadación das inscricións irá destinada para apoiar e dar continuidade aos proxectos de cooperación ao desenvolvemento que Implicadas no Desenvolvemento ten na India: “Erradicación do Infanticidio Feminino” en Salem e “Empoderamento das Mulleres” en Tiruchy.

Implicadas no Desenvolvemento é unha organización galega de cooperación fundada no ano 1998. Basea o seu traballo na procura da igualdade de xénero como base para o desenvolvemento humano sostible e perdurable. Implicadas entende a loita contra a pobreza coma un exercicio de responsabilidade da cidadanía do Norte e a busca de espazos para que a cidadanía do Sur, e en concreto as mulleres, podan tomar decisións sobre as súas vidas. A ONG traballa dende Galicia e tamén en países coma a India e Etiopía, e faino cun marcado enfoque de xénero. Para saber máis sobre as súas actividades podedes a través da súa páxina web www.implicadas.com.