A saída da IX edición da Carreira Popular Coruña10 será ás 10.30 horas da mañá na Avenida Da Habana. O percorrido da carreira continuará por Manuel Murguía e o Paseo de Ronda até a avenida de San Roque de Afora, chegando até o obelisco Millenium. Na volta, as e os atletas correrán a ensenada do Orzán, dunha punta outra, até a Rotonda da Torre de Hércules. Ao chegar aos pés do monumento Patrimonio da Humanidade, emprenderán o camiño de volta. Serán os últimos quilómetros até o Pazo de Deportes de Riazor, onde estará situada a meta da Coruña10. No desenvolvemento da carreira, establecerase un punto de avituallamento no quilómetro 6, á altura do antigo cárcere, para favorecer a hidratación das e dos atletas durante o exercicio Tamén ao seu paso pola meta poderán recoller o avituallamento líquido e sólido proporcionado polos patrocinadores, Coca-Cola, Hipercor e Horno San Brandán.
As e os atletas contarán cun servizo para gardar a roupa no mesmo Pazo de Deportes de Riazor, desde as 9.00 horas até as 13.30 horas, onde tamén estará instalado o servizo de duchas desde as 11.00 até as 14.00 horas. Ademais de persoal sanitario e de seguridade, a Concellería de Deportes contará cun servizo específico de fisioterapia para todas as e os atletas que o precisen no desenvolvemento da Coruña 10.