Cristian Muíño Varela (Coristanco, 1991), do club Os Muditos, foi o vencedor da cronoescalada ao monte Pedroso. Investiu un tempo de 14 minutos e 14 segundos en completar os 3,3 quilómetros do percorrido da terceira proba do CorreSan. Quedou bastante lonxe (minuto e medio) dos 12.46 que establecera na pasada edición o santiagués Pedro Nimo, que foi o gran ausente na saída da Granxa do Xesto. O ano pasado, tanto o segundo como o terceiro rexistraron unha mellor marca que o de Coristanco, que logrou o triunfo nunha clasificación moito máis apertada e con máis candidatos a subirse á cima do podio.
A vitoria no cadro feminino foi para Jessica Inés Muíños Reyes (1986), cun tempo de 18 minutos e 18 segundos, cruzando a liña de meta no posto 86. Avantaxou en cincuenta segundos á segunda clasificada.
Si na edición anterior Nimo sacoulle ao segundo clasificado 73 segundos, este ano o triunfo estivo moito máis pelexado. Os oito primeiros clasificados só se separaron por medio minuto. Con Cristian Muíño subiron ao podio o noiés Rubén Caamaño Neto, do Atletismo Sar, que foi segundo cun tempo de 14.22; e Nacho Castro Santos, do Atletismo Santiago, que foi bronce con 14.39. A cuarta praza foi para o seu compañeiro Juan Pablo Fernández (14.40). Do quinto ao décimo, a clasificación final estableceu esta orde: Amador Pena (14.42), José Carlos Buján (14.43), Juan Carlos Casal (14.45) Youssef Kouaou (14.46), José Manuel Iglesias (15.00) e Nemesio López (15.02).
Na competición feminina, tras Jessica Muíños quedaron Ana Fiestras Gil, segunda cun tempo de 19 minutos e 18 segundos; e Tania Silvelo Pallín, terceira con 19.12.
Disputa política
Tampouco faltou a esta cita o exalcalde Agustín Hernández, que acabou no posto 103 con 18.46, unha marca excelente tendo en conta que na pasada edición finalizou de 138 cun tempo de case dous minutos máis (20.31). Unha actuación que lle serviu para superar ao concelleiro Jorge Duarte, que concluíu de 134 cun rexistro de 20.08.
A cronoescalada entre a Granxa do Xesto e o Pedroso foi un éxito rotundo, con máis de setecentos inscritos e cunha gran afluencia de público.