Un ano máis, e son xa cinco, o circuíto de carreiras saudables CorreSan cumpriu con fartura o obxectivo de ofrecer unha alternativa amable para a práctica do atletismo. Nesta edición, con catro probas de distinto signo, cada unha coa súa singularidade e todas co denominador común da sinxeleza.
A última, a Ruta dous Parques, estreábase no calendario co trazado por algunhas paraxes que forman parte da cidade e que con todo pasan inadvertidos para moitos composteláns.Os atletas partiron da Cidade da Cultura, continuaron polo Bosque de Galicia e a Ruta Fluvial do Sar, para chegar ao parque Eugenio Granell. Foron case seis quilómetros .
Cristian Muíño, do Vagalume, foi o primeiro en cruzar a liña de meta cun tempo de 18 minutos e 58 segundos. Este triunfo sumar ao que conseguiu na subida ao Pedroso e o segundo posto da proba Nocturna Cidade Vella, co que se proclama vencedor do CorreSan. Impúxose ao esprint a Miguel Penedo, do 3&Run by Pedro Nimo. Terceiro foi Anxo Castro, da Asociación Deportiva Cerne de Melide. No cadro feminino a gañadora foi a veterana Esther Pedrosa, cun crono de 23 minutos e 11 segundos. María González e Lara Buig completaron o podio. Buig, do Barbantia, certificou con este resultado o primeiro posto na clasificación xeral.
A meteoroloxía adversa non amedrentou aos participantes en ningunha das categorías. Na de escolares 1, que engloba aos benxamíns e os alevíns, o gran dominador da proba foi Sergio Prieto, do Atletismo A Estrada.
En escolares 2 (infantís e cadetes), Diego Alonso, do Millaraio, volveu impor a súa hexemonía.