Con cinco días de antelación á data límite fixada pola organización, onte completouse a cota de participantes para a que será a primeira edición do Carballo Trail Race 2018, proba que trata de compaxinar o deporte coa promoción da paisaxe. Son 300 os atletas inscritos, que ademais tiveron que abonar 5 euros para tomar a saída o próximo día 4 de febreiro (domingo) desde a chaira de Razo.
Techo Vales, integrante da A.?D. Media Ducia, entidade coorganizadora, xunto co Concello, mostrou a súa satisfacción polo éxito alcanzado antes de darse o pistoletazo de saída: «A verdade é que estamos moi satisfeitos porque ao tratarse dunha proba pioneira en Carballo pensabamos que non se ían cubrir todas a prazas», comentou. E engadiu: «Temos xente en lista de espera que nos pediu se poderiamos ampliar o número de prazas, pero é inviable por temas de organización, loxística e de seguros».
Desde o Concello de Carballo consideran que se cumpriu un dos primeiros obxectivos, que non era outro que obter unha resposta masiva por parte dos afeccionados ao atletismo. Recordaron que a idea inicial era a de alcanzar os 200 participantes e chegouse aos 300, dos cales 79 son mulleres, o cal dá unha idea «da promoción do deporte feminino en Carballo» nestes últimos anos.