xoves, 5 de maio de 2016

EN SÓ 5 DÍAS XA HAI MÁIS DE 200 ANOTADOS Á CARREIRA POPULAR DE CARBALLO (Fonte: www.lavozdegalicia.es)

Só cinco días despois de abrir as inscricións, xa hai máis de 200 atletas apuntados á Carreira Popular Concello de Carballo. Os organizadores esperan un máximo de 1.800 participantes, dos que 1.200 corresponderían ás categorías absolutas en 10 quilómetros, e os 600 restantes ás inferiores: xuvenil, cadete, infantil, alevín benxamín e pitufos.

Unha das modalidades que tamén puntuarán na proba carballesa é a de equipos en 10 quilómetros. A participación é individual, pero tamén puntúan como equipo, cun mínimo de cinco compoñentes e sen límite máximo. Aínda que só serán valorados os catro primeiros clasificados. A data límite para anotarse é o 15 de xuño.

O prazo é o mesmo para os demais participantes, aínda que a organización matiza, que unha vez cubertas as 1.200 prazas para as categorías júnior, sénior e veteranos, ou os 600 para o resto, pecharanse as inscricións.

As anotacións, que son gratuítas, poderán realizarse na web www.carballo.org nunha ligazón creada para a proba.

Homologada
A carreira carballesa está homologada, e desde o ano pasado presenta un circuíto máis chairo co fin de acreditar bos tempos.

Neste momento o atleta marroquí Abdelaziz Fatihi ten no seu poder a marca, cun tempo de 32 minutos e 48 segundos, mentres que na categoría feminina é a carballesa Vanessa Lafuente a posuidora, con 40 minutos e 6 segundos.

A organización, a cargo do Concello de Carballo, facilita un teléfono, o 981 702 109 ou as oficinas de Carballo Deporte, na rúa Corcubión, para calquera tipo de consulta ou información que necesite o participante.