Rubén Diz e Begoña Domínguez impuxéronse na primeira proba do Correndo por Ourense celebrada en O Vinteún
O circuíto de carreiras populares Correndo por Ourense xa está de volta. E regresou ao grande despois de dous anos de parón obrigado por cuestións sanitarias derivadas do coronavirus. O barrio de O Vinteún foi o escenario da primeira das citas da edición de 2022, cunha notable participación, tanto na categoría absoluta como nas competicións de base, que tamén reclamaron o seu protagonismo. Había ganas de correr e deste xa clásico do calendario deportivo ourensán.
En categoría masculina, triunfo final para un dos habituais. Rubén Diz foi o máis rápido sobre o asfalto. Puxo velocidade de cruceiro e cubriu o percorrido nun tempo de 19:19. Por detrás, Héctor Rodríguez (20:03) e Albino Fernández (20:28) completaron o podio de honra.
No cadro feminino, a gran dominadora da proba foi Begoña Domínguez, que cruzou a liña de meta parando o crono en 22:39. Vicky Losada terminou na segunda posición, cun rexistro de 23:51, mentres que Antía Rodríguez asegurou a terceira praza grazas á súa 24:03.