O atleta Luis Castro Calvo, cun tempo de 29 minutos e 53 segundos gañou a I Carreira Camiño das Letras que se celebrou hoxe en Compostela, con saída na Lavacolla e chegada no Monte do Gozo, e que discorreu polo tramo da ruta xacobea situado entre eses dous puntos. Eva Babiano García, con 40 minutos e 44 segundos, foi a primeira atleta na categoría feminina.
O Premio para o centro de ensino con máis participantes recibiuno o compostelán Colexio La Salle, que obtivo un trofeo e un lote de libros para a súa biblioteca, mentres que o trofeo e o lote de libros para o club con máis corredores foi para o club de atletismo da Universidade de Santiago de Compostela.
O actor Roberto Vilar, padriño da proba, e o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García, realizaron o disparo de saída desta primeira edición da proba, na que se inscribiron 250 persoas, das cales 150 fixérono na categoría absoluta e as restantes nas categorías alevín-infantil e cadete-xuvenil.
No Monte do Gozo, onde os peregrinos celebran a primeira visión da Catedral compostelá, realizouse a entrega de premios polo secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo; o presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos; o concelleiro de Deportes de Santiago, Adrián Varela, e o padriño da carreira, Roberto Vilar.
As tres primeiras persoas clasificadas da proba absoluta e de cada unha das categorías foron galardoadas cun lote de libros e os gañadores e gañadoras absolutos e de cada unha das categorías recibiron un trofeo. Así mesmo, todos os corredores e corredoras que finalizaron o percorrido en tempo recibiron un libro e o diploma Camiño das Letras.
Esta I Carreira Camiño das Letras foi posible a través do patrocinio e a colaboración das secretarías xerais de Cultura e Política Lingüística da Xunta de Galicia, Deputación da Coruña, Concello de Santiago de Compostela, Centro Comercial As Cancelas, Carrefour, Sotelo Blanco Edicións, Café Candelas, Xardíns Barcia, Restaurante San Martiño e a Federación Galega de Atletismo.