Os campións galegos de trail, Alberto Carou e Eva de la Fuente, o excampeón de España de maratón, Nimo, a mellor atleta veterana galega do pasado ano, Rocío Alvite, e a histórica Fátima Paz xa figuran entre os máis de 200 atletas que se inscribiron no media maratón O Gran Camiño que se celebrará o domingo e que percorrerá os máis de 20 quilómetros que separan Arzúa do Pino.
A organización espera chegar aos 300 atletas participantes, que tomarán a saída ás 10 da mañá na alameda de Arzúa.
O Camiño Francés e os peregrinos que ese día percorran a ruta xacobea serán os outros grandes protagonistas do Gran Camiño que organizan os concellos do Pino e Arzúa en colaboración coa Federación Galega de Atletismo.
O percorrido será dunha dificultade técnica media, segundo os organizadores. Transcorrerá maiormente por zonas de terra dura, o que permitirá a utilización de calquera tipo de calzado. A ruta está considerada rápida na segunda metade da proba.