luns, 27 de xullo de 2015

EXPECTATIVAS DE ALTA PARTICIPACIÓN NUNHA CITA EMOTIVA EN RECORDO DAS VÍCTIMAS DO ALVIA (Fonte: www.lavozdegalicia.es)

Desde a Federación de Atletismo e o departamento de Deportes do Concello de Santiago, xunto ao grupo de empresas colaboradoras, téñense expectativas de mellorar as cifras de participación da edición do 2014, que rexistrou finalmente máis de 800 corredores inscritos en todas as categorías, uns números que demostran o éxito e a consolidación do CorreSan como evento deportivo popular.

«O simbolismo do lugar atrae a moitos atletas», di Iván Sanmartín, quen destaca o bo ritmo ao que van as inscricións este ano, con case 750 persoas apuntadas. O reto que se marcan os organizadores é superar a barreira dos mil participantes, algo factible, segundo Sanmartín, posto que «moita xente se inscribe durante os últimos tres días do prazo».

E é que a dimensión que está adquirindo ano tras ano este circuíto de carreiras saudables é notable, como testemuña o delegado da federación: «Estásenos quedando pequeno o departamento de carreiras populares que creamos para levar iniciativas como o CorreSan», unha mostra inequívoca de que o deporte ocupa un lugar de privilexio na vida cotiá de Santiago de Compostela.