O marroquí Fatihi, actual vencedor da proba; o coruñés Javier Tourís e o coristanqués Cristian Muíño son os principais favoritos para a Carreira Popular Concello de Carballo que se celebra hoxe coa presenza de case 2.000 participantes inscritos. Na categoría feminina, a rival a bater será Paula Mayobre, de Ares. Tanto nunha como noutra competición se espera que se poidan bater as marcas do propio Fatihi, con 32 minutos e 50 segundos, e da carballesa Vanessa Lafuente, á que se homenaxeará tras o seu accidente de tráfico, o que o impide estar na cita, con 40:07.
A carreira de 10 quilómetros centra o interese da proba, na que figuran 1.400 participantes anotados. Si Fatihi, Tourís e Muíño son os candidatos, tamén haberá que ter en conta a Amador Pena (Santiago), Míchel Antelo (Soneira) e Manute (A Coruña), do mesmo xeito que ao carballés David Landeira.
O circuíto, que é urbano, é propicio para facer bos tempos, así foi deseñado desde o pasado ano, posto que consta de longas rectas, como as das rúas Gran Vía, Vázquez de Parga ou zona da estación nova. Ademais só hai un par de repechos e favorece que a competición sexa moi vistosa pois transcorre todo polo centro urbano da capital bergantiñá. Os mellores tramos son a Gran Vía e os últimos metros do percorrido, a área da Praza do Concello, lugar onde está situada a meta.
A carreira carballesa é un mostra do éxito crecente que lestes acontecementos deportivos están a acaparar.