O Concello de Fene foi todo un referente no atletismo galego, incluso chegou a organizar, na zona do Belelle, un campionato de España de cros. Agora, Xoán Manuel Rodríguez Bastida, novo edil de deportes do municipio, está disposto a que o deporte en Fene recobre todo o seu esplendor, non só no atletismo senón noutras especialidades. Ao mesmo tempo, asegura que se fará o máximo esforzo posible para dotar ao municipio das instalacións deportivas que sexan necesarias.
A primeira mostra desta nova etapa será o campionato galego de cros para veteranos, que o domingo, día 6 deste mes de marzo, a partir das once da mañá, disputarase nun circuíto urbano, no barrio de San Valentín.
Xa se inscribiron para tomar parte na competición máis de 300 deportistas, que chegarán de distintos puntos da comunidade galega, aínda que a maior representación será dos clubs da comarca ferrolá, entre eles, o Olimpo das Pontes, Atletismo Narón ou Ría Ferrol. A nivel individual destaca a participación de atletas como José Luis Bouza, José González ou Rafa Fuentes , así como Esther Pedrosa en mulleres.
A organización da competición estará a cargo do Club Atletismo Fene, en colaboración coa delegación local da Federación Galega de Fútbol e contará co patrocinio do Concello de Fene.
O circuíto, que terá unha lonxitude de 1.200 metros, marcouse no barrio de San Valentín. Será completamente chairo aínda que ten zonas de moita lama, polo que será esixente para os participantes. Eminentemente é un circuíto de terra, aínda que as zonas de cemento polas que pasa cubriranse con herba artificial.
As mulleres terán que facer fronte a un percorrido de 5.300 metros e 7.300 os homes.
As categorías deste autonómico para veteranos oscilan desde os 35 ata os 85 anos en diante. Os grupos de idade van de cinco en cinco anos.