xoves, 14 de maio de 2015

FENE CELEBRA ESTE DOMINGO A SEGUNDA EDICIÓN DA CARREIRA 10K A FAVOER DE ARRAIGO (Fonte: www.fenecidadan.net)

A concelleira de Deportes, Rocío Bértoa, informa de que os participantes deben retirar os seus dorsais o sábado, na casa consistorial, de 11 a 13 e de 18 a 20 horas e, o mesmo día da carreira, na praza Verde ata 30 minutos antes da saída.

O prazo de inscrición péchase hoxe á medianoite, e esta mañá a cifra era de 340
A concelleira de Deportes, Rocío Bértoa, explicou esta mañá que os participantes na segunda edición da Carreira 10k que este domingo organiza o Concello a favor de Arraigo poden retirar os seus dorsais o sábado, na casa consistorial, entre as 11 e as 13 e entre as 18 e as 20 horas. Tamén o domingo, neste caso na praza Verde, punto de partida da carreira, ata 30 minutos antes da saída. Aínda a pesares de que o prazo de inscrición se pecha esta medianoite, Rocío Bértoa valorou moi positivamente a cifra de participación que, esta mañá, era de 340 persoas de todas as idades.

A carreira comezará ás 10 horas para a categoría absoluta, que cubrirán unha distancia de 10 kilómetros. A andaina arrancará cinco minutos despois, cunha distancia de 3,6 kilómetros; idéntica distancia para cadetes e xuvenís, que tomarán a saída ás 11,30 horas. Ás 11,50 horas faranno infantís e xuvenís e unha distancia de 1.800 metros. Os benxamíns faranno ás 12 horas e con 800 metros por diante;100 metros percorrerán os prebenxamíns a partires das 12,15 horas e, por último, os biberóns, ás 12,20 horas e oitenta metros.

Haberá agasallos para todos os participantes, unha camiseta conmemorativa, namentras que os biberóns e benxamíns recibirán tamén cadansúa medalla e, os tres primeiros clasificados na categoría absoluta, trofeos.
 
Por último, a concelleira destacou a colaboración dos membros de Arraigo, que apoiarán á organización en labores de avituallamento e, tamén, da Policía Local e Protección Civil, que desplegarán efectivos ao longo de todo o percorrido.