Boas noticias chegaron dos distintos escenarios nos que se moveron os atletas ourensáns este fin de semana, comezando por un Alejandro Fernández que rozou o podio no Campionato de España de Medio Maratón, a pesar dos problemas que lle causou durante os últimos meses unha latosa periostitis.
O fondista do Adas do Barco, foi ambicioso e lanzouse cun grupo tan selecto como o que formaron o internacional Javier Guerra e o experimentado Jesús España, que terminarían por quedar coas dúas primeiras posicións. Por contra, coóuselle Ricardo Rosado, un debutante na categoría que se fixo co bronce. O ourensán podería agora buscar outra cita para lograr a mínima mundialista, que de momento só ten o campión.
En Riazor, disputábase outra cita importante, como era o Campionato de Galicia de pista cuberta, ao que se lle uniu o de categorías inferiores en 1.500 e 3.000 metros. José Alfonso Palomanes volveu competir coa camiseta do FC Barcelona e fíxoo con gran efectividade para levar os títulos de salto de lonxitude e triplo salto.
Tamén foi notable a presenza do conxunto feminino do Adas, que viu como se encumbraba novamente Eva Arias no ránking galego de 3.000 metros, grazas a un rexistro de 9.54.21, en tanto que a moza Leticia Gil asinaba un 5.90 no salto de lonxitude e que a situaba a só un centímetro da súa propia marca autonómica, ademais de outorgarlle a mínima para o nacional absoluto da súa especialidade.
A pontevedresa do conxunto barquense, Leticia Fernández tamén raiou a unha gran altura, só superada por Solange Pereira nos 1.500 e nos 800 metros, complicándolle moito o triunfo nesta última. Dúas medallas de prata, xa que logo, que lle saben moi ben.
Volvendo aos títulos, Beatriz Viteri non fallou no salto con pértega e a súa compañeira do Celta de Vigo, Emma Valencia, foi segunda nos 50 metros valas. Na formación olívica tamén está a xuvenil limiana Aida Martínez, que foi terceira nos 1.500, por diante de Daniela Ferreiro (Ourense Atletismo), nunha proba que na súa versión masculina tivo a Jesús Álvarez (tamén do Ourense) como mellor xuvenil.
Para rematar, nesa mesma distancia, Damián Anta, do Adas, foi terceiro en júniores e Ana García repetía pratas en 1.500 e 3.000.