O 2 N tinguiu de negro toda a comarca ferrolá con diversos actos durante o día de onte e a cidade naval, que leva máis dunha semana coa campaña “Ferrol en Negro”, non ía ser menos. Unha marea en loito, debido á cor negra dos dorsais do evento, discorreu polo centro ferrolán durante toda a mañá con motivo da primeira carreira contra as violencias machistas, que colle a substitución da Carreira do Muro celebrada o ano pasado.
Ás 11.00 horas dábase o pistoletazo de saída desde o Cantón de Molíns onde centos de persoas dábanse cita nesta xornada deportiva en apoio á loita contra unha terrible problemática como son as violencias machistas. O percorrido, dun total de cinco kilometros, transcorreu polas rúas do Carme, Rochel, Doures, Galiano, María, Arce, Magdalena e Real, así como as prazas do Callao, de España, de Armas e de Amboaje, para finalizar de novo no punto de saída: o Cantón de Molíns. Deste xeito todo o centro ferrolán puido ver as pancartas reivindicativas que portaban moitos dos participantes. Algúns preferiron tomar parte da camiñada para unirse a este día conmemorativo dun modo máis tranquilo. A xornada reuniu a homes e mulleres de todas as idades e mesmo contou coa presenza de participantes caninos.
Aínda que como ben indicou o alcalde, Jorge Suárez, o importante onte non era gañar, os tres primeiros clasificados masculinos e femininos recibiron premios. No caso dos homes foron o nedense Jonathan Fernández Ríos –cun tempo de 15:04–, o ferrolán Roberto Martínez Castro –16:07– e o nedense Eloy Villanueva Rico –16:08–. As mulleres que se subiron ao podio foron a coruñesa Iria Aldao Prada –20:42–, a naronesa Eva Fernández Villares –21:04– e a ferrolá Carla Irlles Castro –22:13–. A concelleira de Igualdade e Muller, Saínza Ruiz, e o alcalde, Jorge Suárez, entregáronlles os galardóns. Ademais, houbo un sorteo de agasallos entre todos os participantes do evento deportivo. Por outra banda, o Concello de Ferrol puxo a disposición de todos aqueles participantes que así o precisaron un servizo de aseo e duchas no Complexo deportivo da Malata. Puido empregarse desde a finalización da carreira ata as 14.30 horas, unicamente mostrando o dorsal da xornada.
O 25 de novembro celébrase o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller en aras de denunciar os ataques que continúa sufrindo a muller en todo o mundo e de esixir aos diferentes gobernos medidas para combatelos dunha vez por todas. Esta data conmemora o asasinato en 1960 das irmás Mirabal –Patria, Minerva e María Teresa, coñecidas como As Bolboretas– pola súa loita a favor da democracia en República Dominicana. Mentres que os seus maridos entraron en prisión, elas quedaron libres, pero foron secuestradas e morreron tras as brutais malleiras dos sicarios do ditador. Vinte anos máis tarde, o movemento feminista elixiría esta data para esixir a defensa da muller contra a violencia durante o Primeiro Encontro Feminista Latinoamericano e do Caribe.
Con todo, a xornada de onte non puido ser unha celebración total pois volveu deixar unha nova vítima por esta causa. Unha muller e nai de dous fillos morría a mans da súa expareja no municipio.