luns, 16 de xaneiro de 2017

GAÑAN NOEMÍ MORAL E LOLO PENAS (Fonte: www.lavozdegalicia.es)

Lolo Penas e Noemí Moral foron os máis rápidos entre os 1.631 atletas que se inscribiron na terceira etapa do circuíto de carreiras populares coruñesas, a que acolleu o barrio de Matogrande, organizada polo colexio Liceo A Paz coa colaboración do Club Natación Liceo.

O atleta de Arzúa saíu a impor o seu elevado ritmo de carreira desde o primeiro dos 6.600 metros de percorrido da popular de Matogrande. Marcou cronos esixentes (sobre 3.01 nos primeiros quilómetros, 3.05 no penúltimo e incluso baixando de 3 minutos nos últimos mil metros).
Noemí Moral, pola súa banda, mostrou boas sensacións sobre o asfalto. A atleta, que regresa ao seu bo estado de forma, valoraba deste xeito a evolución da carreira. «Para min, é unha das probas máis duras do circuíto coruñés xunto coa de Oza e Visma», resalta a deportista afincada na Coruña, que tamén destacou «a organización, sempre de dez, e o ambiente xenial» da carreira popular de Matogrande. «Ao coñecer o percorrido, foi máis levadía que a do ano pasado para min», concluíu Noemí Moral.

A próxima cita do calendario no circuíto Coruña Corre será o 1 de abril, coa nocturna da torre de Hércules (trofeo José Antonio Varela Calviño), organizada polo Club Atletismo Coruña Comarca, e de 6.590 metros de percorrido.