As carreiras saudables do CorreSan estrearanse nesta edición coa proba nocturna, que esta vez terá saída e chegada na praza do Obradoiro. Nesta cita non faltarán os dous atletas que gañaron o pasado ano, aínda que Pedro Nimo e Raquel Suárez Pedrosa partirán con distintos obxectivos.
A vencedora feminina quere repetir e soña con cruzar en primeiro lugar a liña de meta, porque as sensacións de chegar á emblemática praza compostelá fai subir o seu nivel de esixencia. Por contra, o triunfador absoluto do 2014 tomarallo con máis calma. Nesta ocasión non sairá a por o ouro. Nimo quere divertirse e o ritmo que empregará na proba estará moi por baixo das súas marcas habituais. Non competirá, pero si dará prestixio a unha carreira que contará con 1.200 atletas, unha cifra que os organizadores consideran «extraordinaria», pois a inscrición só estivo aberta durante oito días.
Ás once da noite partirán desde a praza do Obradoiro todos os atletas que queren alcanzar o éxito na carreira absoluta, aínda que con anterioridade, cun percorrido máis suave, sairán cara á zona monumental da capital galega os atletas que se inscribiron nas probas escolares. Os adultos deberán percorrer unha distancia de cinco quilómetros e medio, circuíto lixeiramente superior ao da pasada edición. O CorreSan nocturno de hoxe contará cun quilómetro máis. O ano pasado, Pedro Nimo cruzou a liña de meta cun tempo de 13 minutos e 20 segundos. A gañadora feminina, Raquel Suárez, parou o crono en 15 minutos e 7 segundos.
Esta primeira proba do circuíto CorreSan tamén está incluída no circuíto de carreiras da Deputación da Coruña que veñen celebrando por toda a provincia. Ás dez e cuarto sairán os máis pequenos, os benxamíns e os alevíns, que terán un percorrido de 1.100 metros. Os infantís e os cadetes, que comezarán ás dez e media da noite, cubrirán unha distancia de 2.400 metros.
Ao concluír a carreira, a organización ten preparada unha gran festa con música na praza do Obradoiro. Ademais haberá un par de sorpresas para os participantes e para o público.
As outras probas
A segunda proba do CorreSan será o 1 de agosto, en Angrois. A terceira, o 20 de setembro na Granxa do Xesto. A cuarta carreira será o 10 de outubro na Cidade da
Cultura.