Xa podes participar na Holi Gaiás 2019, unha das carreiras máis divertida de Galicia!
O sábado 8 de xuño, a partir das 12 horas, ven comprobar como se ampliaron os espazos verdes da Cidade da Cultura desde a edición da Holi Gaiás do ano pasado —segunda fase do Bosque de Galicia e o Xardín do Teatro— con esta actividade saudable, ateigada de cor e música.
Esta compitición atípica sempre esperta unha alto interese, tal e como reflicte o feito de que, nas dúas convocatorias anteriores, cubríronse deseguido o milleiro de prazas. Así que bule a inscribirte nesta carreira que se fai á semellanza dos festivais cos que na India, en Guyana e no Nepal, celebran a estación da primavera.
Ven con roupa e zapatillas de deporte, pero o máis importante; ven coa mellor das actitudes! Deste xeito, gozarás dunha divertida mañá de sábado, onde non están garantidas marcas e tempos, pero si risas e un estupendo tempo de lecer en grupo, ao aire libre e nun ambiente festeiro, xa que durante os cinco quilómetros de percorrido pola Cidade da Cultura e a súa contorno natural vas contar con música e animación para que o espírito da Holi Gaiás non decaia en ningún momento!
E cal é o espírito da Holi Gaiás? Diversión á esgalla! Por iso, ademais de con música, iraste enchoupando nesta competición coa xa característica e fachendosa poeira multicor, sinal de identidade deste festexo deportivo, onde emporcallarse vale máis que calquera medalla, que tamén as haberá para os tres primeiros e para as tres primeiras de cada categoría.