O Campionato de Galicia de cros curto encumbró a Manuel Hurtado e Ester Navarrete. O primeiro viña de ser segundo en Ribadavia , mentres que a atleta viguesa repetiu triunfo. Ademais, abandeiraron as vitorias dos seus equipos, o Ximnástica de Pontevedra e o Adas Proinor, sobre un circuíto, o da Baña, que debutou con nota alta e que se distinguiu pola súa dureza, con constantes subidas e baixadas. Na cita masculina, con vinte e oito equipos en liza, houbo un protagonista absoluto: Huracán Hurtado. El, xunto a Víctor Riobó e Antonio Serrat, non deu opción ao resto. Ao paso pola primeira volta atrasouse Riobó, e Furtado, inconmensurable, deixounos atrás. Foise en solitario a meta, seguido de preto por Serrat. Cuarto foi Iván Cánovas e quinto Ivo Maseda, por diante de Rubén Diz.
Hurtado non escondía a súa alegría: «Moi feliz despois de sete meses parado por un problema no pé e, como queira que son as primeiras carreiras, todo está a saír moi ben, aínda que o obxectivo era axudar ao club a gañar dous títulos de campións galegos». Venceu a pesar de que se saíu na terceira curva, para volver rapidamente ao circuíto.
O Adas Proinor dominou a proba absoluta feminina con cinco atletas nos seis primeiros postos. Ester Navarrete non deu opcións aos seus rivais, entre elas, Camila Alonso, segunda e, a súa compañeira Sandra Mosquera que foi terceira, que lideraron a proba ata que a viguesa decidiu atacar na segunda volta para marcar as distancias. Navarrete, a gran dominadora do cros feminino en Galicia, dixo sentirse como peixe na auga no seu terreo: «O circuíto tiña moito vaivén, foi un cros puro e duro, con boas sensacións e, ademais, quedamos todas diante e imos camiño de Oropesa», matizou Ester.
O pódium por equipos masculino foi liderado pola Sociedade Ximnástica de Pontevedra (24 puntos), por diante do Adas Proinor (54) e o Atletismo Santiago (72). En mulleres o podio foi para Adas Proinor (10 puntos), Comesaña (36) e Atletismo Sar (51). Na loita polo título autonómico xuvenil masculino impúxose Pedro Osorio (Ría de Ferrol), por diante de Arturo Ramos (Santiago) e Ziad Naghi (Limactiva). Na proba feminina, Sara López (Lucus), Raquel Meaños (Mazi) e Marta Ballesteros (Adas Proinor), completaron o podio. En categoría cadete os tres primeiros foron O Mehi O Nabaqui (San Paio), Said Abdoun (Limiactiva) e Amine Bensoultana (San Paio), mentres na proba feminina alzouse coa vitoria Sara Lima (Beade), seguida por Noelia Sánchez (Friol), e Lucía Martínez (Santiago).