A primeira edición da Carreira Camiño das Letras, que se celebrará o vindeiro 18 de maio en Santiago de Compostela, contará cun padriño de excepción, o coñecido actor e presentador Roberto Vilar, que será o encargado de dar o disparo de saída na categoría absoluta e nas dos menores, ademais de facer entrega dalgúns dos premios.
Todos os corredores que finalicen a proba recibirán un libro e o diploma Camiño das Letras, agasallos cos que se quere unir a efemérides do Día das Letras Galegas, que este ano ten como protagonista a Xosé María Díaz Castro, e o simbolismo do Camiño de Santiago. Ademais, os tres primeiros clasificados da proba absoluta e de cada unha das categorías obterán un lote de libros e a maiores os que cheguen en primeira posición recibirán un trofeo. Tamén recibirán premio o centro escolar e o club que máis participantes presente á proba.
Lembrade que a carreira absoluta sae ás 10.30 horas dende A Lavacolla ata o Monte do Gozo, cun percorrido de oito quilómetros ao longo do Camiño de Santiago, e que as carreiras de menores de realizan nun circuíto no Monte do Gozo a partir das 12.00 horas. Haberá servizo de autobús do Monte do Gozo á saída, servizo de gardarroupa na saída e servizo de duchas e de avituallamento.