Que a carreira máis lonxeva do atletismo vigués non forme parte do circuíto de carreiras populares da cidade non foi óbice para que a Carreira do Pavo prevista para o vindeiro domingo conte cun cartel de luxo en canto a participación, con Alejandro Fernández comandando un cadro masculino onde aparecen os Bargiela, Basconcelo e Riobó entre outros, mentres no apartado feminino Ester Navarrete aparece como principal favorita.
A cita que pecha o ano atlético, a nivel competitivo, terá na Praza de Compostela o seu epicentro. Baixo a organización da delegación viguesa de atletismo, o evento arrincará coas carreiras para os máis pequenos e ás once da mañá procederase a dar a saída da carreira absoluta.
En homes Alejandro Fernández parece o rival a bater, pero tamén aparecen na lista de inscritos Daniel Bargiela, Gonzalo Basconcelo, Rubén Diz, Akka Essaadaoui, Carlos Adán, Víctor Riobó, José Antonio Ramallo e Álvaro Prieto. Na relación tamén aparecen dous atletas marroquís con 900 puntos na táboa da federación internacional (Mounir Elouardi e Moussaab Hadout).Na proba feminina Ester Navarrete gañou case todo o que correu este curso, pero a atleta do ADAS terá competencia no gran premio de Nadal. Por exemplo, aparece entre as participantes María Pinho Cruz, a gañadora (aínda que despois descualificada) do Belarmino Alonso, Joselyn Brea, a triatleta que asinou unha tempada espectacular na ruta, e que en Ourense lle gañou a Navarrete, Sandra Mosquera, Sofía Freaza e Sole Castro entre outras.