A cronoescalada ao Pedroso contará con varios candidatos ao triunfo final. A proba, terceira deste ano do circuíto CorreSan, será o domingo e o nivel dos participantes segue aumentando. As carreiras empezarán ás dez e media da mañá coa competición dos benxamíns e alevíns, que terán un circuíto de 1,2 quilómetros. Ás once menos cuarto darase a saída aos atletas das categorías infantil e cadete, que percorrerán 2.100 metros. Os máis pequenos contarán cun perfil «moito máis alcanzable», explica Iván Sanmartín, delegado en Santiago da Federación Galega de Atletismo.
Xa ás once da mañá empezará a cronoescalada de tres quilómetros para os atletas da categoría sénior, na que nesta edición haberá varios candidatos ao triunfo final. En canto á orde de saída, Sanmartín sinala que os primeiros en iniciar a carreira serán os que só se inscribiron nesta proba. Despois sairán os atletas que están anotados en todo o circuíto e farano en orde inversa aos postos que ocupan na clasificación provisional.
O primeiro quilómetro e medio será pola Granxa do Xesto. Os participantes chegarán ao merendeiro do Pedroso e subirán ata a cima pola pista de asfalto. Será a zona de maior desnivel. «O último quilómetro será o máis duro da carreira», apunta Sanmartín.