mércores, 22 de novembro de 2017

JESÚS CASTRO: "CANDO UN É UNIVERSITARIO HAI UN RELAXO SOCIAL CON CERTOS CONSUMOS" (Fonte: www.elprogreso.es)

O entorno da universidade vivirá o vindeiro domingo a I Carreira Popular Campus Terra, unha proba que nace co obxectivo de consolidarse no calendario atlético da provincia.
 
O CAMPUS TERRA non é alleo ao auxe do atletismo popular na provincia de Lugo. Aproveitando que cada vez máis lucenses adoitan saír correr, a universidade pretende integrar unha nova proba atlética no calendario galego, na que ademais se potenciarán os lazos interuniversitarios e se dará visibilidade á loita contra as drogas.

Como xurdiu a iniciativa?
Era un compromiso das tres universidades galegas facer unha carreira en cada unha. Vigo ten a súa, A Coruña fará unha e como Santiago non tiña, quixemos facela en Lugo. Ademais, aproveitamos para organizar a III Carreira Universitaria Galaico-Duriense contra a Droga, onde entran tamén as tres universidades do norte de Portugal. Aproveitando o tirón das carreiras populares, quixemos facer unha proposta saludable para a cidadanía en xeral, non só para os universitarios.

Por onde transcurrirá a proba?
Queremos dar a coñecer o Campus Terra. A carreira vai discurrir polo río Miño. Sairemos do estadio de atletismo Gregorio Pérez Rivera, e faremos o paseo do río ida e volta. Ao voltar, farase un percorrido polo campus, pasando xunto a facultade de Ade, a de Veterinaria, o hospital Rof Codina, a Escola Politécnica Superior, a facultade de Humanidades e o regreso novamente ao estadio.

Semella unha proba na que se fusionan varios apartados. Promover os hábitos de vida saludables, unir as universidades, ensinar o campus...
E tamén brindar o noso apoio á Fundación Galega Contra o Narcotráfico. Paralelamente á proba contamos cunha exposición na facultade de Formación do Profesorado. Organizaremos tamén unha serie de conferencias para a concienciación da droga e a conducción. É unha realidade que lamentablemente existe e queremos concienciar á xente dos seus perigos.

Cando se pode ver esa exposición?
Xa está aberta, no hall da facultade de Formación do Profesorado. Hai uns paneis informativos e está moi ben, é moi interesante. Toca temas coma o narcotráfico ou o consumo de drogas.

Comentou tamén que se organizarán unha serie de charlas. Serán aquí en Lugo?
Si. Estamos aínda encaixando a data, pero calculamos que será en marzo, aproximadamente. Queriamos ter a exposición antes da carreira, e poñer as charlas máis adiante.

Incídese na prevención do consumo de drogas como fío condutor. É certo que en idades máis temperás existen programas de prevención, pero non sei se considera que na etapa universitaria, sendo unha idade de risco, fai falla máis impulso nese sentido.
Efectivamente. A prevención do consumo de drogas, tanto duras como máis brandas, debe continuar na etapa universitaria. Hai un relaxo máis grande cando un é universitario. Permítese máis o hábito social de certos consumos, e intentamos mediantes prácticas saludables no caer nese tipo de consumos.

Comentan o de visibilizar a loita contra a droga, pero tamén facedes unha aportación económica ao respecto...
Un euro de cada inscrición irá destinado á Fundación Galega Contra o Narcotráfico. Tamén quería recalcar o papel indispensable que teñen Leyma Natura, a Federación Galega e o Concello. E os outros colaboradores como a Deputación, Coca-Cola ou o Grupo El Progreso. Sen eles, este proxecto non sería viable.

Esta é a III Carreira Galaico-Duriense. Como foron as outras dúas?
Realizáronse ambas en Vigo, onde a carreira está máis consolidada, con sete ou oito edicións, e incluso algunha máis, cuns circuitos no seu campus, que como xa sabedes está alí illado e cunha afluencia grande de xente.

Sendo a primeira Campus Terra, intúo que se espera unha segunda, unha quinta, unha décima...
Esa é a nosa intención. Por eso facemos unha invitación a todos os clubes, a todos os lucenses, aos que participan nas populares da provincia, no Corre con Nós... A que veñan a correr o domingo. A nosa intención é consolidarnos, facendo unha carreira un pouco distinta para dar alternativas.

Que atractivos ten esta proba para considerala diferente?
Explicouno moi ben neste diario Carlos Villamor, un dos mellores atletas lucenses e unha persoa excelente. É unha carreira cunha parte inicial sinxela, totalmente chan, á beira do río; e despois conta cunha parte máis técnica, con xiros, subidas e baixadas. Córrese unha parte por unha carballeira, non é só por asfalto e ten moitos compoñentes diferenciadores.

Na carreira únense a universidade e o mundo non universitario. Serve a mesma como reclamo?
O que queremos é integrar a universidade na sociedade. Por eso insistimos en que todo o mundo veña e participe. Todos teñen as mesmas condicións para a carreira. Só hai unha categoría especial na que participarán as seis universidades galaico-durienses.

A xente está a tempo de apuntarse?
Si, ata mañá ás 23.59 horas todos poden anotarse na proba. Para facelo, poderán facelo a través da páxina web www.carreirasgalegas.com.

"Nas actividades que facemos desde o campus temos unhas 300 persoas"
É o responsable dos deportes no campus de Lugo. Que campos abarcan? Que traballo acada maior visibilidade?

As actividades que organizamos no Campus Terra que mellor están funcionando son as escolas deportivas. Nas tradicionais ligas universitarias agora é moi complicado compaxinar os horarios polo tema dos estudos. Se hai clase pola mañá, hai prácticas pola tarde e viceversa. Os horarios quedan limitados a partir das oito ou nove da noite, que é cando o mundo en xeral quere desfrutar das instalacións deportivas.

Canta xente participa?
Nas actividades do campus temos unhas 300 persoas realizando actividades monitarizadas. Ademais, os estudantes teñen un recoñecemento en créditos de formación. Lévase un control de asistencia e cada certas horas, dáselles un crédito.

De que tipo de actividades estamos a falar?
Actividades aeróbicas como zumba, aeróbic step, pilates, ximnasia de mantemento, ioga, meditación, tai-chi... Temos tamén un grupo de running con Carlos Villamos, outro de voleibol, un de fútbol sala mixto... Intentamos abarcar o que nos solicita a sociedade.

As actividades están dirixidas só aos estudantes?
Non. Calquera persoa pode participar. Só hai unha pequena diferenciación nos prezos.

Como pode un cidadán informarse do que hai?
Na páxina web do servizo de deportes da universidade está exposto. E se hai dúbidas, para iso estamos na oficina de deportes do Campus Terra, que está no edificio da biblioteca intercentros. Estamos alí para atender a todo o mundo.

Quédalle algunha espiña cravada no servicio de deportes?
Sen dúbida, a mellora fundamental do servicio sería contar cunha instalación deportiva propia. É unha carencia que temos que sería fundamental. Na universidade contamos cun local, unha aula de deporte e cultura que existe na facultade de Veterinaria. Pero normalmente empregamos instalacións que son do Concello, ou da Deputación.