luns, 18 de setembro de 2017

JESÚS GÓMEZ E SOLANGE PEREIRA MARCARON O RITMO NA MILLA DO BARCO (Fonte: www.lavozdegalicia.es)

Trinta e un anos avalan a espectacularidade da Milla Urbana Festas do Cristo, na localidade ourensá do Barco de Valdeorras e as súas dúas competicións sénior, as que disputan por invitación moitos dos grandes especialistas nacionais da distancia tampouco defraudaron na tarde de onte.
De feito, na pugna masculina, xogáronse o triunfo ao esprint os internacionais burgaleses Jesús Gómez e Daniel Arce, dando os xuíces vencedor a este último en primeira instancia. Con todo, unha revisión posterior fixo cambiar o resultado final, outorgándolle o triunfo a Gómez Santiago, por diante do seu amigo e paisano.
A terceira posición foi para o vigués Gonzalo Basconcelo, o primeiro dos galegos na selecta disputa establecida no circuíto do Malecón barquense. Máis clara foi sen dúbida a vitoria de Solange Pereira, que fixo bos os prognósticos e alzouse coa súa oitava vitoria nas súas visitas a terras valdeorresas. A campioa afincada en Cangas viña de gañar recentemente en Valladolid e preparou ben o seu ataque na última recta, marchándose cando quixo da marcaxe de Leticia Fernández Barbosa, que tamén foi segunda con autoridade, por diante da súa compañeira no organizador ADAS do Barco, Esther Navarrete.

A convocatoria volveu ser un festexo de todas as categorías do atletismo, con carreiras que congregaron a nenos desde os seis anos aos veteranos dos distintos niveis, incluído un Saturnino González que buscou a marca galega de maiores de 55 anos e, aínda que non o conseguiu, logrou alzarse cunha brillante vitoria con máis de cen metros de vantaxe sobre o seu inmediato perseguidor. Ao cabo, superáronse os 350 participantes no céntrico enclave da vila valdeorresa.