Jonathan Fernández fixo honra ao seu título oficioso de “rei das populares” coa súa vitoria na trixésimo quinta edición da Carreira Popular San Xiao. Na súa segunda presenza nesta proba, o atleta nedense, pertencente ao club Pasa ou Entorna, foi o primeiro en cruzar a liña de meta dos máis de 500 atletas que completaron os dez quilómetros da carreira –había máis de setecentos inscritos–. Estas, con saída e chegada nos arredores do pavillón de Esteiro, percorreu o barrio da Magdalena e a zona portuaria da cidade naval, incluída unha reve incursión no Arsenal Militar.
Jonathan Fernández dominou con claridade unha carreira que encarou coa idea de realizar un bo rexistro –terminou con 32:39, o que lle permitiu avantaxar en máis dun minuto ao segundo e terceiro clasificado, que foron Hamza Belhadj e Fernando López, que chegaron no mesmo tempo–. O seu primeiro título confirmoulle o atractivo dun trazado que, a pesar da dureza das constantes subidas e baixadas e dos tramos de lastra, viuse favorecido pola falta de vento.
A vitoria na categoría feminina foi para a coruñesa Sara Pita, pertencente ao club A Mochila do Deporte, na que foi a súa segunda presenza na popular ferrolá. A pesar de ter a carreira baixo control durante case todo o trazado da mesma, no tramo final do mesmo viuse apertada por Begoña Pacio, que ao final foi segunda a pouco máis de quince segundos da gañadora, que cruzou a meta cun tempo de 40:33. A terceira praza da cita foi para Sonia López.
Ademais
Na carreira celebrada na xornada de onte tamén houbo categoría destinada a discapacitados visuais. Esteban Rodríguez, do Atletismo Fene, foi o gañador desta cun tempo de 40:32, que lle fixo acabar na septuaxésimo quinta posición da xeral da proba ferrolá.