domingo, 24 de decembro de 2017

JOSÉ MANUEL CORRAL IMPONSE EN RIBADAVIA (Fonte: www.farodevigo.es)

Celebrouse onte pola tarde a cuarta edición da carreira popular de Ribadavia que contou coa presenza de 300 atletas en todas as categorías. Na proba absoluta o vencedor foi José Manuel Corral Xusto, que se impuxo na proba de 9 quilómetros cun tempo de 31.22 por diante dos seus compañeiros, José  Cande Louzao, con 32.16 e co mesmo tempo Luís Iglesias Raña, todo eles de Atletismo Arenteiro.

Na proba feminina a atleta Sonia  Teijeiro  Ferró, do Burgas Atletismo Ourense, foi moi superior ao resto das participantes e entrou na meta cun crono de 37:31, a segunda posición para Barca Suárez Toba cun tempo de 39:06 da Asociación Deportiva Muxía e a terceira para Ana Santalices do Burgas Atletismo Ourense con 40.52. Na categoría  sub-23 o vencedor da proba foi Ismael Castro que non tivo problemas para entrar na meta moi destacado.

A carreira percorreu as contornas máis significativas da capital do Ribeiro como a área recreativa da  Veronza, os paseos do Avia e do Miño, cruzou a zona de viñedos por Francelos e, de regreso, fixo unha ruta polo barrio xudeu e as rúas do centro histórico.

Ao final os tres primeiros clasificados de cada categoría recibiron trofeos para masculino e feminino da categoría absoluta.

Lalo Gómez estaba moi contento desta nova edición: "Foi de nova unha carreira moi popular cunha excelente participación que complementa o programa de Nadal de Ribadavia. É unha vila moi importante do atletismo galego, cun circuíto homologado que xa foi escenario de campionatos de España de campo a través e unha tradición de grandes atletas", concluíu o presidente e organizador do Club Deportivo  Aurum-

O alcalde de Ribadavia dixo que "son unhas probas moi bonitas para correr nun circuíto cunha contorna como é o de Ribadavia. Levamos apostando hai uns anos polo deporte do atletismo na vila e xa somos coñecidos en toda a  geografia galega e creo que estamos a facer as cousas ben e cada ano vén máis xente a coñecer a vila e participar na carreira".