luns, 23 de abril de 2018

LADESOL: 1.200 SOLIDARIOS CON ANGOLA (Fonte: www.diariodearousa.com)

Un total de 1.200 solidarios botáronse onte ás rúas de Vilagarcía para achegar o seu granito de area á creación dunha biblioteca en Angola participando na Carreira  Ladesol. A cita deportiva deu o pistoletazo de saída á súa cuarta edición cumprindo o seu obxectivo de superar o milleiro de participantes. Grandes e pequenos gozaron da xornada xa fose correndo na Absoluta, a carreira infantil ou simplemente paseando na  Andaina Popular. Ademais, un total de 175 voluntarios puxeron todo da súa man para que se desenvolvese sen ningún incidente.

Aínda que o fin é solidario, os atletas aproveitaron esta proba homologada pola Federación Galega de Atletismo. O mellor tempo fíxoo Gustavo Santiago Fernández na categoría  Senior Masculino, que fixo o percorrido en 33 minutos e 1 segundo. A distancia era de case 10 quilómetros nos que tamén brillou a súa compañeira do Club Deportivo  Pinarium, a atleta da categoría Veteranas A, María Ángeles Castro Rosales, con 39 minutos 54 segundos, e que foi a primeira en feminino. Cabe destacar tamén a Abel Barros González, do Atletismo +9 Moraña e gañador na categoría de Veteranos. Así mesmo, entre os 10 primeiros estiveron dous vilagarciáns:  Andrés López Torres, que ademais triunfou en Veteranos  B, e Fernando Vidal Moreno.

Ladesol contou ademais con dous padriños de luxo: Raquel  Meaños, a campioa de España de Atletismo de 800 metros, e  Jónatas Pereira, unha das novas promesas do lanzamento de xavelina do panorama nacional. Está organizada pola Fundación  Ladesol e o Colexio San Francisco de Vilagarcía ao que pertence a irmá Sofía Quintáns, que traballa coa comunidade  angoleña que se beneficiará da recadación. A organización entregará o diñeiro das inscricións e espera alcanzar os 5.000 euros que necesita.