domingo, 12 de agosto de 2018

LETICIA GIL E IVÁN DOCAMPO VOAN SOBRE A AREA (Fonte: www.atlantico.net)

A praia é para o verán. E correr, para calquera época do ano. A Nigrán Area axuntou onte a area e o atletismo popular por oitavo ano consecutivo sobre os areais de  Panxón e  Praia América, reunindo a 431 atletas de diferentes categorías nunha matinal marcada polo sol, aínda que sen ser unha calor atafegante.

A mañá comezou coas probas para categorías menores, desde  sub-10 –medio quilómetro– ata  sub-16 –dous quilómetros–. E ás 11:00 horas deuse a saída á carreira reina, a absoluta, que superou os 250 participantes. A estampa dos corredores sobre os areais nigraneses sorprendeu a algúns dos bañistas presentes, que nas partes inicial, xunto ao porto, e final, en  Praia América, do percorrido aplaudiron aos participantes.

Os dous gañadores fixéronse co triunfo con meridiana claridade. O ribadaviense Iván Docampo realizou un tempo de 19:12, con máis de medio minuto de marxe sobre  Brais Misa (19:48) e Emilio Pérez (20:02). Pola súa banda, a tudense Leticia Fernández (22:39) non deu opción algunha aos seus rivais, sacándolle dous minutos á segunda clasificada,  Elena Costas (24:42). O podio completouno Aida Martínez (24:51).