O espectáculo do atletismo volveuse fusionar onte co incomparable marco do Camiño de Santiago. Máis de cincocentas persoas déronse cita na media maratón Palas -Melide. A climatoloxía foi óptima e a organización, como é habitual, volveu gañarse o recoñecemento dos participantes. No deportivo, non houbo sorpresas. Lolo Penas fíxose coa vitoria na categoría masculina. Logrouna cunha marca de 1.12.24 horas, o que supón unha nova marca da carreira. Paula Mayobre, pola súa banda, non deu opción ás rivais en mulleres.
Lolo Penas foi o dominador da carreira masculina. Na cabeza durante case todo o traxecto, unicamente o atleta paralímpico Gustavo Nieves foi capaz de manterse ao seu rebufo. Aínda que, o de Arzúa explicou á conclusión da proba que elixiu axudar ao vigués nas baixadas. «A organización é de dez», afirmou Lolo Penas na chegada. «A pesar de que é unha carreira moi nova, parece que xa leva moitos anos en funcionamento. É moi bonita, pero moi dura», expuxo. Ademais, o vencedor asegurou que a alegría foi dobre para el: «Para min é moi emotivo gañar aquí, porque a miña familia materna é de Melide».
Dominio de Mayobre
Paula Mayobre non deu opción aos seus rivais na categoría feminina. A fondista de Ares dominou con autoridade e avantaxou en case dous minutos a María Jesús Gestido, a segunda clasificada. A gañadora mostrouse entusiasmada coa proba: «É espectacular. É preciosa, aínda que moi dura». «Quedei con ganas de repetir», asegurou. Á conclusión da carreira, Paula Mayobre pasou a ser unha espectadora máis. Animou ao seu noivo, que atravesou a meta despois que ela, para fundirse nun abrazo unha vez que el tamén acabou a competición.
Cronoescalada
Unha das novidades da edición deste ano estivo na cronoescalada dun quilómetro e medio que se realizou a metade do traxecto. Os mellores ?exceptuando aos cinco mellores da clasificación final? recibiron premios por asinar as mellores marcas. Diego Ruiz foi o máis rápido en homes cun rexistro de 5.50 minutos. Mentres que María del Rosario Figueroa se impuxo en mulleres cun tempo de 7.26.