A vixésimo segunda edición do Medio Maratón Pontevedra Caixabank, que se disputa este domingo a partir das 11 horas, pechará esta medianoite a súa inscrición, que ao longo de todo o día de hoxe aínda pode formalizarse a través da web.
A proba, organizada pola Sociedade Ximnástica de Pontevedra e incluída nos calendarios da Federación Galega de Atletismo e do Circuíto de Carreiras de Pontevedra (CCCP), contaba na tarde de onte con máis de 1.260 inscritos, co que todo apunta a que se superarán con fartura os 1.300 participantes.
Un ano máis, a organización optou pola presenza de lebres , que terán a función de marcar un ritmo constante para servir de referencia a moitos deportistas. Así, a primeira correrá a 4 minutos e 30 segundos por quilómetro, para completar a proba cun tempo que roldará a hora e 35 minutos, mentres que a máis lenta o fará cunha cadencia de 5 minutos e 40 segundos cada mil metros, para completar os 21 quilómetros da proba cun rexistro aproximado de dúas horas.
Así mesmo, como tamén vén sendo habitual nos últimos anos, onte tivo lugar unha quedada para recoñecer o circuíto, na que os asistentes completaron os dez quilómetros dos que consta unha volta ao percorrido acompañados pola policía.
Fonte: www.lavozdegalicia.es