domingo, 5 de xuño de 2016

MÍCHEL ANTELO E ROCÍO ALVITE NON DERON OPCIÓN NA CITA DE ZAS (Fonte: www.lavozdegalicia.es)

Míchel Antelo (Vimianzo) e Rocío Alvite (Mazaricos) non tiveron o máis mínimo problema para impor a súa autoridade na Carreira Popular Concello de Zas. Celebrouse coa presenza de 333 atletas dos 641 que estaban inscritos. Desta forma confirmaron os prognósticos, aínda que se botou en falta a presenza de Javier Seoane (Carballo), que podería ser o rival máis serio do soneirán.

Míchel fixo un cambio de ritmo no quilómetro dous deixando a uns metros ao grupo de favoritos, xa que ata ese momento Gonzalo Silva (Santa Comba) era o que ía tirando dos primeiros sobre un circuíto rompepiernas. Co xalleiro tamén estaban César Vázquez (Zas), José Suárez (A Baña) e Constante Lorenzo (Muxía).

A carreira, cunha temperatura de 19º, foi pondo a cada un no seu sitio e Míchel foi incrementando paulatinamente as diferenzas para chegar á liña de meta con case un minuto sobre Gonzalo Silva, que é unhas das revelacións nesta terceira edición do circuíto Correndo pola Costa da Morte.

Rocío Alvite, pola súa banda, nunca viu perigar a súa vitoria. Saíu cos primeiros e seguiu varios quilómetros con eles, pero logo pasou a dosificar convenientemente a súa diferenza e a cruzar a liña de meta desta cuarta cita do circuíto, despois das de Camariñas, Vimianzo e Dumbría, na que volveu a ser a máis forte.

Tamén tivo un excelente comportamento Luis Miguel Bardanca, único participante en cadeira de rodas, que finalizou no posto 32 e recibiu un premio especial da organización por medio da ceense Sara Vieites Ferreiro, madriña da proba. Foi cando se produciu a ovación da tarde entre os afeccionados.

A competición desenvolveuse segundo o programa previsto e non houbo que lamentar incidencias. Na carreira reina, dos 10K, chegaron a meta 170 participantes. O último en cruzar a liña de meta foi Gonzalo Álvarez (Ordes), despois dunha hora oito minutos e 44 segundos.

Na proba curta dos 3 quilómetros, o corcubionés José Manuel Lago chegou moi forte a meta tras aguantar a presión que exerceu Nicolás Iglesias (Fisterra), que chegou en segundo lugar, e Tina Marie Fernández (Muros), que superou en máis dun minuto á segunda, Viki Fernández.