Con preto de 11.000 rexistrados, a San Martiño 2019 volverá encher as rúas ourensás de atletas e público nunha cita que vai máis aló do deporte.
Leva no seu ADN a palabra "popular". Fai gala deste concepto cada ano. E 2019 non vai ser unha excepción. A Carreira Pedestre Popular de San Martiño celebra hoxe a súa edición número 43. Máis de catro décadas dunha proba pensada pola xente e para a xente. Unha festa que transcende máis aló do puramente deportivo e que ten unha importancia social incuestionable. Ourense sitúase no mapa grazas aos case 11.000 rexistrados entre a cita absoluta, a escolar, a de cativos e a inclusiva. O atletismo pide paso. As zapatillas toman o protagonismo para goce dunha cidade.
A proba absoluta é a primeira en celebrarse. Ás 11:00 horas, con saída desde o Puente do Milenio. O nivel está asegurado entre os 3.510 rexistrados que se enfrontarán a 10 quilómetros homologados. Dá o mesmo tardar media hora que hora e media. Cada un terá a súa historia e lembrará o seu San Martiño.
Pero na loita polo triunfo está outro dos aspectos crave. E a nómina de favoritos ten a varios "clásicos". Alejandro Fernández buscará deixar a vitoria en casa e sumar o seu quinta San Martiño. Ninguén o conseguiu ata a data. Un aliciente máis para o ourensán, que parece deixar atrás as lesións e chega nun punto de forma idóneo.
Tamén, nas apostas, o portugués Nuno Costa, segundo clasificado hai 12 meses. O luso é un clásico nas probas galegas da distancia e xa forzou a Fernández ata o último metro o pasado ano. Literalmente.
Por detrás, un grupo de atletas que poden dar a sorpresa. O valdeorrés Afasto Ares xa pisou podio en 2017, o limiano Rubén Diz sempre cumpre e o lucense Esteban Iglesia ten capacidade para facelo ben.
Sen defensora
No cadro feminino, non estará a defensora do título, Solange Pereira. Trasladouse á Residencia Blume en Madrid e deixa a licenza galega para correr cunha canaria. Veráselle menos en Galicia. Si estará a segunda clasificada en 2018 e vencedora en 2017, Marta Casanova. A lucense parte como gran favorita para levantar os brazos en primeiro lugar. Completan a nómina de ilustres, a sempre competitiva Ester Navarrete e a completa Joselyn Brea.
Pero non só de absolutos vive a San Martiño. Ás 12:30 horas dará a saída a proba escolar, con máis de 2.700 rexistrados e os seus 4,7 quilómetros de percorrido. E ás 13:20 horas, a cita para os cativos, con case 2.300 nenos e nenas na lista. Por último, a proba inclusiva, desde as 13:45 horas, sempre co Puente do Milenio como punto de inicio, vén confirmar que a San Martiño é para todos, sen excepción.
Unha festa que nin a choiva frea. Non o fixo e non o fará. Hoxe o deporte ourensán está de parabén. Nada mellor que calzarse as zapatillas para celebralo.