Cando faltan dez días para finalizar o prazo de inscrición para a cuarta edición da Carreira Popular Concello de Fisterra, co que se pon final ao cuarto circuíto Correndo pola Costa da Morte, están inscritos neste momento un total de 623 atletas, polo que se superará amplamente os 369 que participaron na pasada edición.
O prazo está aberto na páxina web championchipnorte.com. A cota para os maiores é de cinco euros, xa que os menores teñen a súa participación gratuíta. O último día para confirmar a súa presenza na cita deportiva será o día 22, xa que o domingo 26 será a competición polas rúas de Fisterra e na proba de 10 quilómetros irase ata o mítico faro, para ter a meta na zona portuaria.
O ambiente conforme se achega ao data vai crecendo e todos intentarán acudir a esa última cita. Despois está prevista a celebración da gala na que se entregarán os premios aos mellores en cada unha das categorías e aos deportistas máis sobresalientes por diferentes conceptos, segundo entende a organización, que son técnicos deportivos dos dez concellos participantes: Camariñas, Vimianzo, Mazaricos, Dumbría, Zas, Cee, Muxía, Carnota e Fisterra.
Os atletas Míchel Antelo e Noelia Pampín son os actuais campións en Fisterra.