venres, 10 de abril de 2015

MÁIS DE 600 ATLETAS PARTICIPAN ESTE FIN DE SEMANA NA CARREIRA SOLIDARIA NOCTURNA POR PARELLAS DE DOUS EN DOUS (Fonte: www.carballo.org)

Rematado o mércores 8 de abril o prazo de inscrición, xa está confirmado o número definitivo de participantes na carreira nocturna, solidaria e integradora De Dous en Dous, organizada polo Club Atletismo Carballo coa colaboración do Concello e que terá lugar o sábado 11 de abril a partir das 19.00 horas. 

Finalmente serán 612 os atletas que correrán por unha boa causa, e 398 deles farano na categoría de adultos, por parellas e unidos polas mans cunha goma elástica. As anotacións foron gratuítas para todas as categorías, coa opción "non obrigatoria e solidaria" de entregar un litro ou quilo de comida non perecedoira ao recoller o dorsal antes de comezar a carreira en beneficio de Cruz Vermella e Cáritas. Tamén hai un "dorsal 0" para que o público que asista para ver a carreira e que así o desexe, achegue tamén un quilo de comida. 

Respecto das categorías, os participantes irán saíndo por orde de pitufo, benxamín, alevín, infantil e cadete a partir das 19.45 horas; mentres que os adultos, que estarán controlados por chip, sairán ás 21.00 horas para realizar un percorrido de 5.000 metros. 

As parellas de adultos poderán ser de categoría masculina, feminina, mixta e haberá unha categoría especial para aquelas persoas que entre as dúas sumen máis de 100 anos, para darlle unha oportunidade aos veteranos de competir. Os percorridos nos que se indican as rúas que estarán cortadas durante a proba e o regulamento da cita, poden descargarse máis abaixo nesta mesma nova. O Concello anima á veciñanza a colaborar coas súas doazóns.