A Carreira Popular do Apóstolo, que vai pola súa quinta edición, arrincará hoxe a partir das 17.50 en Agro de Vilaño, moi próxima á capital municipal larachesa.
Os primeiros en lanzarse á competición serán as categorías escolares, empezando pola de benjamines e alevíns ás 17.50 horas, sobre un percorrido de 1,1 quilómetros, á que lle seguirán infantís e cadetes ás 18.10 cunha distancia de 3,8 quilómetros e finalmente os máis pequenos, a categoría pitufo, que correrán ás 18.45 unha distancia de 100 metros.
Os xuvenís terán que percorrer 5 quilómetros mentres que os adultos 10, e ambas as categorías tomarán a súa saída ás 19 horas. Pouco despois, ás 19.05, empezará a andaina, aberta a todas as idades e que discorrerá por un traxecto de 3,8 quilómetros.
A Asociación Cultural Adro de Vilaño, organizadora da proba, informa de 650 deportistas rexistrados entre os que destacan como grandes favoritos Amadeo Abal e Amador Pena, aínda que tamén destacan os nomes de Martín Regueira e Antón Ruanova. A eles tamén se sumarán corredores con diversidade funcional.