A Carreira de San Xiao, que se celebra o domingo en Ferrol sobre un trazado de dez quilómetros, contaba este mércores cuns 725 participantes inscritos pouco antes de pecharse o prazo de inscrición. A proba organizada polo Concello é de carácter gratuíto. Nas categorías inferiores apenas se rexistraron para as carreiras benxamíns, alevíns, infantís e cadetes, unhas 25 persoas este mércores pola tarde, segundo datos da web carreirasgalegas.com.
A carreira, con saída e chegada na contorna do pavillón de Esteiro, alcanza este ano a súa edición número 33, como unha das populares de máis tradición do calendario atlético actual en Galicia. Os participantes cubrirán un percorrido que pasa polo centro urbano de Esteiro, A Magdalena, Ferrol Vello e o interior do Arsenal Militar.