venres, 4 de marzo de 2016

MÁIS DE CEN ATLETAS TRAMITARON XA A SÚA INSCRICIÓN NO TRAIL DE COMPOSTELA (Fonte: www.lavozdegalicia.es)

A segunda edición do Trail de Compostela, fixada para o día 13, completou o primeiro tramo do prazo de inscrición con máis dun centenar de tramitacións en categorías absoluta e veteranos (42 federados e 65 non federados), máis quince en escolares (menores de 18 anos).

Quen queiran apuntarse aínda teñen tempo ata o xoves da semana próxima a medianoite, a través da páxina web www.carreirasgalegas.org. O prezo é de 13 euros para os federados e 15 para non federados (tres máis que quen aproveitaron a bonificación do primeiro tramo).

A carreira arrincará na Granxa do Xesto e discorrerá por un trazado de algo máis de 21 quilómetros, catro máis que no circuíto do pasado curso. O club organizador, o Noitebra, optou por un percorrido máis longo pero algo máis suave.

A recollida de dorsais poderase realizar o venres 11 e o sábado 12 en Decathlon, e o mesmo día da carreira no punto de saída antes das 9.45.

Os tres primeiros clasificados do cadro masculino e feminino, absoluto e veterano, recibirán un trofeo. Tamén haberá galardóns para os tres mellores equipos. Teñen que completar a carreira un mínimo de seis integrantes, e computan os catro mellores tempos. Deberán ser mixtos e enviar a listaxe por correo electrónico a fgasantiago@gmail.com antes do venres 11 ás 14 horas.