O atletismo popular ten este noite en Marín unha das súas grandes citas da tempada. A +10 Marín Manuel Rosales - Gran Premio Ence celebra a súa sexta edición alcanzando un novo máximo de participantes. Un total de 714 protagonizarán este evento que presenta un cartel de luxo e chega cargado de novidades deportivas e, sobre todo, organizativas.
Ás 19.30 horas a Alameda de Marín empeza a quentar motores cunha clase de zumba. O programa de competición ábrese ás 20.45 horas coas carreiras das categorías inferiores e o momento estelar da xornada vivirase ás 22 horas coa saída desde a Avenida de Ourense da proba de 10 quilómetros.
Este ano a distancia conta coa homologación da Federación Galega de Atletismo e da Real Federación Española de Atletismo. O percorrido será o habitual coas únicas modificacións de que se evitará por seguridade o Espigón da Escola Naval e realizarase o bypass en cálea Exército e Mariña, onde se fai un xiro de 180 graos, para axustar o percorrido. A meta estará na rúa Almuíña.
Daniel Bargiela, vencedor do pasado ano, encabeza a lista de inscritos na que sobresae a presenza do triatleta Antonio Serrat, de Daniel da Torre e do portugués Luís Sá. Na categoría feminina, Camila Alonso, Fátima Quintana e as triatletas venezolanas Joselyn e Edymar Brea parten como favoritas.