Mañá xoves ramata o prazo de inscrición para participar no VII Cross Ambiental e na III Andaina Concello de Ordes Memorial Estevo Xosé. Ambas citas terán lugar durante a xornada de reflexión electoral o vindeiro sábado 23 de maio, sendo unha vez máis o Campo da Feira o punto de encontro para todas e todos os corredores. Trátase dunha das competicións de atletismo máis importantes de toda a comarca, na que o ano pasado se congregaron máis de 500 atletas de todas as idades.
Este ano a III Andaina terá un percorrido de 9.500 metros e arrancará ás 18.35 horas. No que se refire ás probas de competición iniciaranse ás 17.45 horas, e nelas poderá participar xente de todas as idades dende os 0 anos. Os percorridos irán dende os 150 ata os 10.000 metros. Nesta edición os premios, segundo a categoría, irán dende cantidades en metálico a trofeos, medallas e agasallos sorpresa. A todos os participantes tamén se lles entregará gratuitamente unha entrada para o Museo do Traxe, ademais de froita, bebida, bolsas bandoleiras e chocolate quente unha vez concluída a proba. Tamén haberá sorteos de agasallos sorpresa entre todas e todos os atletas.
Aqueles que queiran participar teñen ata o próximo 21 de maio para inscribirse a través da páxina web www.carreirasgalegas.com. Tamén dispoñen do teléfono 660694586 e do correo electrónico atletismoordes@hotmail.com para solicitar máis información.
O VII Cross Ambiental e a III Andaina Concello de Ordes Memorial Estevo Xosé están organizados polo Club de Atletismo Ordes e o Concello de Ordes, contando co patrocinio de María Fraga, Eurofrut, Panadería Gende, hamburguesería A Bolera, confitería Nogallás, Susana Morlán, Bar Correos e a Deputación da Coruña.