venres, 2 de setembro de 2016

MEDIO MILLEIRO DE ATLETAS DARANSE CITA NAS RÚAS NOIESAS (Fonte: www.lavozdegalicia.es)

Medio milleiro de persoas daranse cita mañá na liña de saída na Alameda de Noia. A Carreira Pedestre pechou este mércores o prazo de inscrición cunha cifra moi destacable, 515 persoas, aínda que inferior ás preto de 750 que acudiron o pasado ano.

Desde o Club Atletismo Noia dan explicación á baixada, motivada polo gran número de probas que están previstas para mañá, pero móstranse orgullosos de seguir un ano máis como referente a nivel autonómico.«Hai moitas carreiras preparadas ese día, pero aínda así o número de participantes é moi importante.
Ademais virá xente de moita calidade que lle dará máis emoción á proba », asegurou o directivo do Atletismo Noia Manuel Fariña, que durante estes días estivo a traballar xunto aos seus compañeiros para pechar os últimos detalles.

Tres dos grandes nomes propios que estarán presentes na vixésima edición da carreira son o de Alejandro Fernández Ribeiro, Lolo Penas e Akka Essaadaoui. «Son de primeiro nivel e todos estiveron no podio en anteriores edicións», asegurou o propio Fariña.

Morder o ouro
Fernández Ribeiro é un dos principais candidatos a volver morder o ouro. Xa o fixo de forma consecutiva durante varias ocasións, aínda que terá que esforzarse para que Penas, que tamén foi campión en Noia, non lle arrebate o primeiro chanzo do podio.
Para rematar, o deportista marroquí Esssadaoui é un dos grandes referentes deste tipo de carreiras en toda Galicia.

Unha das probas máis entretidas da tarde de mañá será a de chupetes, que comezará ás 21.00 horas. Hai 72 pequenos inscritos, que terán que percorrer 250 metros na mesma Alameda. Tamén haberá unha gran representación de atletas novos, xa que benxamíns, alevíns e infantís superarán os 80 participantes.