O coristanqués Cristian Muíño Varela, do Club Vagalum Enerxía, cumpriu os prognósticos e conquistou a IV Carreira Pedestre do Anllóns de Carballo, que promoveu o Club Os Muditos. Moito público presenciou a proba, na que tomaron parte 384 participantes dos 527 inscritos. O vencedor non bateu a marca que posúe Nicolás Domínguez do ano pasado cun rexistro de 26 minutos e 47 segundos, ao realizar 26:59.
A primeira muller en cruzar a meta, que estaba a 8 quilómetros e 90 metros foi María Mareque Martínez, do Club Tartarugas, nun tempo de 37:29.
Desde o inicio da competición destacou o grupo de favoritos, formado por Javier Tourís (A Coruña), Cristian Muíño (Coristanco), Fernando Díez (A Coruña), Jacobo Xesto (A Coruña) e Manute (O Burgo), pero este quedou descolgado nos primeiros quilómetros.
Cristian seguiu imprimindo o ritmo ata descolgar, primeiramente, a Jacobo Xesto, que se presumía o rival directo despois ser segundo en Sada a semana pasada. Tanto Javier Tourís como Fernando Díez aguantaron ata o último quilómetro, no que o deportista de Coristanco acabou por romper definitivamente a carreira e desa forma colocar por primeira vez o seu nome como gañador.
A competición, que estivo acompañada polo bo tempo, con sol e temperatura agradable, foi seguida por numeroso público que se instalou, principalmente, nas inmediacións do pavillón Vila de Noia, onde estaba a saída e a meta.O último participante na categoría absoluta en cruzar a meta foi a xuvenil Candela Queijeiro despois de investir 57 minutos e 4 segundos.