A xornada do 8 de marzo será o resultado de decenas ou centos de accións particulares coas que se pretende pór un gran de area en favor dos dereitos das mulleres. A de Eva Arias será unha delas. A atleta, de Vilamartín de Valdeorras, correrá entre as localidades de Petín e O Barco, parando noutros puntos, para recoller mensaxes que serán lidos na manifestación que, a partir das oito da tarde, percorrerá as rúas barquenses. -¿Por que decidiu pór en marcha esta iniciativa?
-Creo que a causa o merece. Todo o que se poida haber para apoiar a defensa da muller é positivo. Sempre creo que a sociedade debe ter unha participación nas loitas contra as inxustizas que hai e esta causa hai que apoiala, porque é evidente que existe, non é algo que nos inventamos.
-Como deportista, ¿sufriu ou percibido discriminación?
-No deporte a muller sempre ha ir por detrás do home. A práctica dalgunhas disciplinas estivo prohibida para elas moito tempo e en concreto a miña, 3.000 metros obstáculos, fíxose olímpica para mulleres moito despois que para homes. Talvez a desigualdade non é tan evidente como noutros sectores, pero si que a hai, e sobre todo cando falamos de logros. Os que conseguen os home sempre parecen máis importantes que os que logramos nós, coma se ás mulleres non se nos tratase do mesmo xeito ou co mesmo respecto. Eu estou convencida de que con máis respecto entre uns e outros, non habería estas desigualdades das que falamos.
-¿En que vai consistir a actividade de mañá?
-Aínda que serán 16 quilómetros, non é unha carreira oficial. Trátase de que sexa un acto participativo que se pode facer correndo ou en bicicleta, durante todo o percorrido ou por tramos. Eu pararei en Petín, A Rúa e Vilamartín, desde onde se organiza, para recoller lazos con mensaxes que me entregarán veciñas destas localidades e que logo leremos no Barco.
-¿Tamén poden participar os homes?
-Claro. Facemos un chamamento a todas e todos os que queiran acompañarme, porque todos os apoios suman.
Fonte: www.lavozdegalicia.es