mércores, 3 de maio de 2017

NUNO COSTA GAÑA A CARREIRA POPULAR DO CONCELLO DE OROSO (Fonte: www.farodevigo.es)

Nuno Costa, do Club Deportivo San Paio, gañou o pasado sábado a Carreira Popular Concello de Oroso sobre unha distancia de 10 quilómetros. Costa parou o crono en 32.41, mentres que o seu compañeiro de equipo Carlos Diéguez cruzou a meta no posto 31 da xeral, sendo o 13 da súa categoría. Ademais, o domingo o sampaiés Toño Matalobos participou no Ultratrail do Barbanza dentro do minitrail que se disputou cun percorrido de 20 quilómetros de distancia. Ese mesmo día tamén se celebrou a XIV Carreira Popular Concello do Pino onde os representantes do San Paio foron Carlos Esquilas e Jorge Carreira, con dúas boas actuacións na proba. 

Doutra banda, os benjamines e alevíns do San Paio tamén tiveron competición durante a pasada ponte do 1 de maio. En concreto, os canteiráns participaron nunha nova xornada do Xogade en Pista ao aire libre que tivo lugar na cidade de Pontevedra. Destacou a segunda posición en salto de lonxitude da benjamina Carlota Branco, cun salto de 2,79, e unha marca de 9.31 nos 50 metros lisos. Ademais, foron terceiros tanto o equipo de substitucións benjamín masculino 4x50 cun crono de 41.02, e o conxunto alevín feminino de substitucións 4x60 cun tempo final de 42.49. O resto do conxunto sampaiés obtivo moi bos tempos e marcas durante a competición pontevedresa, todos eles baixo as ordes de Tere Barros, Alba Bugallo e Alberto Reboredo. 

O resto do equipo do CD San Paio desprazado ao Xogade en Pista ao aire libre estivo formado polos benjamines Santi Loureiro, Gabriel Nogueira, Juanmi, David Gestoso e Diego García. As benjaminas foron Carmen Conde, Branca Cillero, e os alevíns, Iago González, Arauia Ao Bachere, Carla Ron, Vanesa Pinto e Catalina Feijoo. "Foron uns fantásticos resultados nun fin de semana máis cheo de competición, convivencia e boas sensacións froito do traballo diario que nas escolas veñen levando a cabo, e que esperamos poidan seguir dando alegrías no futuro", apuntaron desde a directiva do conxunto sampaiés. Ademais, os dirixentes quixeron ter un recordo afectuoso para Miguel Otero Rey, que o pasado fin de semana disputou en Alcorcón unha nova xornada de liga lucindo as cores do Real Club Celta.