A Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento, que dirixe José Manuel Sande, vén de anunciar que o próximo 14 de decembro terá lugar a gala de clausura do Circuíto Coruña Corre, unha cita que suporá o peche da tempada 2015-2016 coa entrega dos premios ás gañadoras e gañadores das distintas categorías desta serie de probas populares. O evento premiará ás e aos mellores atletas dun Circuíto que, na pasada edición, contou con 1.720 persoas inscritas e se achegou ata sete barrios distintos da cidade, entre os que se incluíu, por vez primeira na súa historia, Matogrande.
Durante a gala do día 14, que se celebrará a partir das 19.00 horas no centro Ágora, entregaranse os trofeos correspondentes as categorías benxamín, alevín, infantil, cadete, xuvenil, junior, promesa, senior, veteranos, especial e familiar, así como un obsequio a todas e todos os deportistas que finalizasen as sete probas do circuíto municipal. Ademais, todas aquelas persoas inscritas na serie de carreiras --1.200 na categoría absoluta e 700 nas de menores de idade--, recibirán unha camiseta conmemorativa do seu paso polo programa deportivo, que poderán recoller no propio espazo sociocultural antes ou despois da cerimonia, ou a partir do día 19 de decembro no Pazo dos Deportes de Riazor, en horario de 10..0 a 14.00 horas e de 16.00 a 22.00 horas.
Durante a tempada 2015-2016, e co obxectivo de expandir e facilitar o acceso á práctica deportiva entre a veciñanza, Coruña Corre organizou sete probas na cidade. Así, desde o 29 de novembro de 2015, e até o 4 de setembro do presente ano, as e os deportistas populares percorreron os barrios dos Rosales, Novo Mesoiro, Matogrande, Adormideras, San Pedro de Visma, Oza e Ventorrillo, nunha edición marcada pola baixada do prezo da inscrición e as bonificacións a distintos colectivos, ademais da creación dun novo regulamento, froito do traballo conxunto do Servizo Municipal de Deportes, a Federación Galega de Atletismo e os distintos clubs da cidade.
Fonte: www.coruna.es