luns, 29 de febreiro de 2016

O CHECO DAVID PELISEK E A NOIESA ALBA BAAMONDE LIDERAN A TRAIL GALAICA (Fonte: www.lavozdegalicia.es)

O Trail de Ames, primeira das sete probas do calendario da Trail Galaica, saldouse con máis de douscentos inscritos e coas vitorias do checo David Pelisek no cadro masculino e da noiesa Alba Baamonde no feminino.

O frío e o barro, polas abundantes choivas caídas nas horas previas, endureceron un trazado rápido, moi do gusto dos participantes, que tivo o seu tramo de maior pendente na subida ao Monte San Marcos, antes de chegar ao ecuador da carreira.

O gañador, que dominou a proba en todo momento, empregou un tempo de 1 hora e 20 minutos. E avantaxou en máis de dous minutos a Rafael Conde e Carlos Lorenzo, que completaron o podio. Alba Baamonde cruzou a meta cun crono de 1 hora e 40 minutos, por diante de Elena Rosell e Lina Bicada.

Susto en Ponche Maceira
A xornada discorreu sen incidencias reseñables na competición, pero cun susto na liña de partida, pouco antes do pistoletazo de saída. De feito, o inicio demorouse un cuarto de hora porque os servizos médicos da proba tiveron que asistir a un veciño de Ponche Maceira, de setenta anos de idade, que sufriu unha indisposición repentina.

Prestara todo tipo de colaboración á organización para que puidesen instalar a megafonía e as infraestruturas da zona de saída. E nos prolegómenos da proba, a súa esposa saíu pedindo axuda, ao comprobar que non se atopaba ben.

Todo apunta a que sufría unha angina de peito e foi trasladado inmediatamente ao hospital Clínico, onde, segundo confirmou a propia familia á organización á conclusión do Trail de Ames, recuperábase xa satisfactoriamente.

A próxima cita no calendario do Trail Galaica será dentro de tres semanas, o 20 de marzo en Sanxenxo . E completarán o calendario as seguintes: A Pobra, o 8 de maio; Muros, o 29 de maio; Boborás, o 26 de xuño; Noia, o 17 de xullo; e Sober-Ribeira Sacra, o 11 de setembro.