luns, 15 de outubro de 2018

O CIRCUÍTO CONCLUÍU CUN NOVO ÉXITO DE PARTICIPACIÓN (Fonte: www.lavozdegalicia.es)

As previsións meteorolóxicas non eran as mellores para pór o broche de ouro á quinta edición do Circuíto Correndo pola Costa da Morte. Non obstante, ao final, o tempo foi mellor do esperado e portouse coa organización, os corredores e o público que onte acudiron á décima e última carreira pedestre, a de Fisterra.

Á primeira hora da mañá, e incluso na primeira proba, a de 3 quilómetros, aínda caeron unhas pingas de choiva e o vento tamén estivo presente. Como consecuencia, non se colocou o arco inchable de saída e meta por seguridade e houbo algún que outro esvarón co chan mollado. Pero, a partir de aí, saíu o sol, e con el, o termómetro chegou ata os 25 graos, facendo unha xornada moi amena.

O máis destacado foi, precisamente, que a pesar das malas predicións de tempo, os atletas acudiron en masa para non perderse o gran día. Así, unha vez máis, como na maioría das pedestres desta quinta edición do circuíto, bateuse marca de participación. Máis de 700 deportistas tomaron a saída. A da proba estrela, a 10K, foi realmente impresionante: «Parecía que non tiña fin», comentou onte o técnico de Deportes de Fisterra, Miguel Ángel Olveira.

Gañárona o coruñés Diego Ruiz e a mazarica Rocío Alvite. Esta última repetiu podio como campioa absoluta do circuíto xunto con Toño Teijido, de Guitiriz (Lugo). Outro protagonista da xornada foi o fotógrafo colaborador de La Voz de Galicia, Jorge Parri, que recibiu un premio especial por axudar e contribuír sempre co circuíto.

O técnico de Deportes de Fisterra; o alcalde, José Marcote, e o tenente de alcalde, Xan Carlos Sar, xunto coas concelleiras Soledad Vilela e Rocío Mariño, e o edil Alexandre Domínguez estiveron na entrega de trofeos. Tamén se deixaron ver representantes doutros concellos integrados dentro do circuíto como o técnico de Deportes de Cee, Manuel Calo, que participou correndo, como xa é habitual; o de Muxía, Diego Castiñeira, que apoiou á súa filla na competición, e o de Corcubión, Carlos Pazos, que acudiu a contemplar o ambiente. A xunta local da Asociación Española Contra o Cancro de Fisterra tamén estivo presente cunha caseta.